Thursday 02 de May de 2024

Concello, Xunta e ADIF danlle o visto e prace ao convenio para facer realidade a Intermodal


Inés Rey: “Era unha prioridade desbloquear esta infraestrutura, xa que a súa tramitación estivo paralizada durante o últimos catro anos”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, amosou a súa satisfacción polo acordo alcanzado entre o Concello, Xunta e ADIF sobre o convenio para construír a estación Intermodal.
“Este acordo posibilitará que se constrúa a Estación Intermodal, unha infraestrutura que permitirá mellorar a mobilidade non só da cidade, senón de todo o cinto metropolitano. Desde que chegamos ao Goberno local, puxemos en marcha todos os cambios de plan obrigados para facer realidade esta Infraestrutura. Era unha prioridade desbloquear esta infraestrutura, xa que a súa tramitación estivo paralizada durante o último mandato”, asegurou a alcaldesa.
Inés Rey prevé sacar a concurso, antes de que remate este ano, a execución dos accesos pola avenida do Ferrocarril. Ademais, lembra que se aprobou unha modificación do plan xeral na zona da Sardiñeira para poder avanzar neste proxecto, que ten un custo estimado duns 80 millóns de euros, entre as tres administracións.
Canto ao convenio, inclúese finalmente a construción dunha pasarela entre as avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril que, en primeira instancia, será para peóns e ciclistas pero que está previsto ampliar ou completar cunha nova pasarela para lle dar cabida ao tráfico rodado.